Friday 19 de April de 2024

A Xunta incide na importancia de facer chegar á sociedade as contribucións feitas polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía


Susana López Abella, acompañada do Reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asistiu esta mañá á presentación da Exposición das galardoadas co Premio María Josefa Wonenburger

A A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe a importancia e incidiu en que é fundamental visibilizar e facer chegar á sociedade as contribucións feitas polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía.

Susana López Abella, acompañada do Reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asistiu esta mañá no Centro Universitario Riazor á presentación da Exposición das galardoadas co Premio María Josefa Wonenburger, onde lembrou que a Xunta creou un premio, o Premio María Josefa Wonenburger, para distinguir a aquelas mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte do Goberno galego dende a Secretaría Xeral da Igualdade.

A titular de Igualdade destacou que a visibilización da actividade desta muller e do seu triunfo é unha combinación gañadora, por iso debese seguir recoñecendo ás mulleres científicas de Galicia, mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron camiños a moitas outras. Polo que dende o Goberno galego considerase prioritario incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxico de Galicia, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas.

A igualdade de oportunidades ten que ser o punto de partida de todas as persoas, o resultado é aquel que cada unha se constrúe co seu esforzo, co seu traballo e co seu talento. E só se favorecemos con igual énfase a esixencia, o esforzo e a excelencia, nun marco de Igualdade de oportunidades, teremos individualmente, e a sociedade no seu conxunto, máis opcións de futuro, rematou a secretaria xeral.

Así, a exposición pasará polo campus de Lugo do 17 marzo ao 7 de abril; polo campus de Ferrol, do 11 ao 25 de abril; polo campus de Ourense, do 27 abril ao 10 de maio; polo campus de Vigo, do 12 ao 26 de maio; polo campus de Pontevedra, do 30 de maio ao 13 de xuño; e finalmente estará no campus de Santiago do 15 ao 30 de xuño.

Lista de premiadas
A primeira premiada co ‘María Josefa Wonenburger’ foi Inmaculada Paz Andrade, catedrática emérita de Física Aplicada da Universidade de Santiago; un ano despois, en 2008, recibiuno María Teresa Miras Portugal, catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular na Universidade Complutense de Madrid; e no ano 2009 Marisol Soengas González, directora do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas.

No ano 2010 a premiada foi Carmen Navarro Fernández-Valbuena, xefa do servizo de Anatomía Patolóxica no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; en 2011 foi Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela; e en 2012 María Tarsy Carballas Fernández, edafóloga, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e investigadora do Consello Superior de Investigacións Científicas.

En 2013 a galardoada foi María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, e en 2014, a premiada foi a catedrática de Enxeñería de Telecomunicación, Carmen García Mateo, sendo a última da premidas no 2015, a arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola.